ESCRITOS


9/6/11

AS PORTAS AUSENTES


CAINO VASCONCELLOS



Virán as portas presentidas 

a recluírnos no infortunio
das derrotas

Aquela tarde

os teus ollos albiscaban o voo das gaivotas

que descendían ás beiras baleiras

a descansar cansas dos ceos

dispostas a sentir os beixos dun mar

que afogaba na súa impotencia


A tarde máxica alumeaba os nosos rostros

tinxidos do esmorecente ouro

devalando na exuberancia das claridades

do adeus


Fomos dúas soidades vagando nos soños

das cidades remotas do noso interior

bebendo o viño da ledicia e das miraxes do infortunio

onde acadamos o ceo

o noso corazón humano

cada noite


_______________________________________9


E fendendo as portas dos nosos templos
abertas ás estancias e as beiras todas
introducímonos nos espazos do abandono
coas cerdeiras en flor
os eliótropos os lirios e o loureiro
e fomos coroar as frías estatuas dos soños nosos
de papoulas apreixadas pola luz luar
purificante e misteriosa
amamos os xardíns e a súa perpetua primavera
retratada nas arquitecturas infindas da vida
e o devir dese ceo
achegado á destrución derradeira
e as cinsas no vento
sobor dos paisaxes do Amor


______________________________________10


Voan os anxos
co loito e o pranto
no solpor do sangue



Morre o silencio nos beizos escuros
e devala a dourada luz que petiscan as gaivotas
para acender o rueiro das illas na noitebra


Morre a esperanza nas olladas
polas desfeitas e os asasinatos de maio
por deter a vida dos anxiños nos seus berces
pendurados nas mans verdosas que se agochan
en sombrizas imaxes


Berra a dor na ialma
na contemplación da indiferenza destas traxedias ignoradas
panos de loito nos adeus das mans invisibles
choros de negras nais nas pólas dos alciprestes
regados coas bágoas todas
a ollar cadaleitos que trasladan a pena do mundo
aos cemiterios infinitos dos tempos


______________________________________11


Morre o futuro canto nas mañanciñas de primavera
nos corazóns e na música sagrada
dos que asasinan as noites que voan no día do Home
matan as fermosuras e esperanzas dos corazóns humanos
mans asasinas co sorriso na faciana
inmunes ante a invisible desolación
a insensibilidade humana


Onde fica Deus que consinte tanta dor?
Quizais chora aos anxiños na penumbra gris das desfeitas
ou recolla as ás das súas criaturas
que penduran nos días de mágoa tantos corpos
coma exvotos que retratan a dor do pensamento
na alma


______________________________________12


Cando cruzas o limiar das portas da ausencia
arrédase a sensación de plenitude
e regresan os devezos coma paxaros
a poboar os ceos interiores


morren as palabras nos beizos pechados
do desamparo e do silencio


______________________________________13


Marcha a luz cara o oeste
intérnanse amodiño as tebras no obradoiro
mentres dormes na noite da miña ánima
na ausencia e no desexo
deica retornares traendo o día
e a esperanza
Deixo a porta achegada


______________________________________14


As estrelas fuxidías
son anceios caendo
no mar do esquecemento



A música arrástrame ó silencio e ás arelas
ós intres e lembranzas de tantos sentimentos eslumecidos
que nacen do manancial da alma
de tantas resurreccións que agroman
e morren na cruz do tempo
Vives aínda no meu alento
liberando as dúbidas e desasosegos
empurrando o corpo cara os soños novos
en noites que ás veces dos nosos ceos regresan
Acodes a apertar as sombras que desposuíches
vagando por vieiros perdidos tras as fiestras da tarde
cando o mundo está fóra e a vida
camiña de vagar no interior da casa
e torna a soidade e a música a acadarte
e onda min regresas para fundírmonos
en andar feiticeiro


______________________________________15


Rachan os anceios
os ceos da noite



Neses ollos de ceos perdidos xa
busco as primaveras imposibles
as portas abertas na tarde a devalar
nos templos do solpor
ese luscofusco que devolve sempre as miradas
do firmamento azul
o calar tenue dos beizos mudos de palabras
nos xardíns que poboan os outonos
cando os pasos inician a andadura
cara o inverno da nosa vida


______________________________________16


Anxos aínda ceibes
no imposible retorno
ao paraíso




Ha volver sempre esa mirada túa
ao desexo da miña alma
e coma un río asolagando
as penas todas de naufraxios sentidos


Este é o tempo
no que foxen as aves dos xardíns fermosos
levando consigo a esperanza toda do mundo
este é o tempo das saudades baleiras no outono
onde os templos foron fogares da inocencia nosa
e as ás das milagres e liberdades un soño acadado
en espazos abertos ao amor e á ilusión das primaveras
onde os nenos xogan ceibes sobre os cabalos alados
dos espazos da tarde
nas praias do paraíso


______________________________________17


A vida resulta unha extensión chea de mortes
e resurreccións,
portóns agardando corpos cansos
de dores e derrotas en batallas inertes,
dos ríos do tempo arrasando paisaxes interiores,
do vento do inverno tras a desfeita dos xardíns
ardendo no solpor


______________________________________18


No tempo de amor do piñeiro
ficarán na eternidade as pegadas nosas
nos vieiros dos pasos
nos bicos, nas ilusións, nos desexos,
nas ansias do amor infinito
que sentimos coma un milagre
que nos abriu as portas do ceo
e foi sementar no corazón e na alma nosa
a visión marabillosa do Paraíso


______________________________________19


Na herba azul do ceo
pacen as ovellas brancas




As sombras iluminadas trasladan
paisaxes interiores, voan nas cruces e pronuncian
un nome no silencio dos beizos
e os berros na ánima


Os anxos lanzan papaventos ó ceo
coa ilusión de acadar no serán
as estrelas invisibles
e navegar polos rueiros das illas
en barcos feitos de esperanzas


Sobre os ceos sobrevoan os pensamentos
coas ansias de traspasar as portas abertas no horizonte
nos templos da tarde cae o ouro
tinguido co óxido verde da esperanza
cos amores esquecidos á beira do adeus
as montañas tocan o ceo
coas mans metálicas do cuarzo e da mica
a lanzar lóstregos cegadores de tormentas internas
ábrense os mares para atopar o anhelo ao fondo
gravado na lembranza dun amor


A man transita sobre as froitas penduradas na árbore
mornas de sol e futura semente no corpo da terra
os nenos corren a coller o papaventos
pousado nos eidos
a vida transcorre de porta en porta
está presente en todo e todo abarca
é sempre presente e mais futuro
o pasado marcha foxe, nos cadaleitos
da negra noite que devala


______________________________________20

bágoas nos ollos
mágoas no peito no peito
e a noite agardando a certeza
do amencer




Cando regreses desas ausencias
de espazos abertos en océanos exteriores
os ventos traerán os cantos das andoriñas
extraviadas na sendas do ceo
Cando retornes ás ribeiras interiores
que habitan os soños fundidos nun devezo
serás a sombra que ilumina o alento
hei sentir a ledicia onda as pegadas baldías,
nas fiestras que abandonaron os soños
ou desexos coma o milagre pleno
da túa presenza


Has ser ti coma as estacións
tornando nos círculos infindos da alma
onde as realidades se cruzan
atópanse apértanse
na comuñón sublime do amor
nos abandonos do humano para poboar ás veces
o divino espazo celeste
o sentimento pleno de ti
porque resulta a vida nos teus ollos, resulta
a túa imprescindible presenza


______________________________________21


Dentro de nós
o tempo que foxe
vai deixando os vestixios
dun Deus invisible e caprichoso
que alimenta o amor e apaga o lume
pousando con sixilo as cinsas nos camiños
que dan ás portas baleiras do solpor


______________________________________22


Camelia de sangue de neve de lume
a fundirse coa chuvia na paisaxe mariña


Flor estranxeira que coroa de fermosura
ás nosas costas grises do inverno


______________________________________23


Na ausencia
os días traen
camiños de esperanza




Regresas coa mirada gris do tempo dos adeus
co silencio e a tristura das longas batallas perdidas,
ves as beiras de Néboas e a calma de prata
morrendo nos seráns que entran polas portas
da melancolía e das sombras.


Os brazos que te apertaron á realidade
marcharon xa sobre das ás do esquecemento
Os ollos que te lograron noutra época
son xa miraxes dun devezo, tornando ós espazos
da perda e perecendo na agonía
do devir das horas


Coma o vento do nordés que zoa
nos cumios pedregosos, na desolada
soidade da alma
onde as árbores amosan a debilidade
ante os ventos eternos,
na caída da arqueada submisión cara o chan
eu desertei vencido polo amor e a tenrura
coa quietude dos beizos
e o rebumbio ledo na alma
fuxín no colo do poñente polos ocos do ceo
lembrando as colleitas na encrucillada do mundo
marchei na procesión íntima de tantas despedidas
ofrecendo a cada estrela os anceios
de tanto ser amado


______________________________________24


Lévame a través da vista ás túas paisaxes internas
a ese espírito que me chama coa ansiedade da adición
Lévame a esas estancias fermosas de xardíns resucitados
nas épocas dos abrentes, do viño e da xuventude,
a Felicidade da posesión plena


Eu fico no cume da derrota
coa nostalxia dos horizontes primeiros
levados polo pasado,
ollando como lisca fugaz o presente
sobre este tempo de invernía,
eu fico fronte a visión da tarde grisalla
das tristes e mortas despedidas no mar non querido
onde navega a sombría figura da ghamela de Caronte
cara as illas
______________________________________25






Fican as cousas fermosas nas mans
que han morrer no tempo e no cansazo



Xa non perciben as olladas os rostros xuvenís
nin o sorriso dos bicos coma pétalos voando
nas facianas do amor



Volven as correntes a anegarnos de nostalxia a alma
que vai durmir inmóbil nas sombras da noitebra,
no tépedo soño das frustracións e das dúbidas



Como un barco á deriva nun océano solitario,
sen beiras nin rueiros
perdidos nos círculos infindos do desacougo,
nas paisaxes surrealistas dos soños que van desaparecendo coa luz



______________________________________27



No meu silencio triste
escoito a túa música Leda






Desfalezo ante eses ollos achados
nos escuros muros da memoria
onde percorro as beiras dese corpo
abandonado na melancolía dos desexos



Esvaezo polos balcóns do tempo,
nese voo de anxos a fuxir
cara a incerteza dos paraísos
encravado nas lascas perdidas no firmamento da túa mirada,
nas paisaxes das carnes que nos apertan,
nos seos inútiles onde aleitamos as ansias
e os devezos todos
onde percibimos só a Humanidade vencida
sen portas nin sendeiros,
liberándonos da dor e a desesperanza



Penso nos teus ollos de amor
para salvarme
fuxindo no ceo acendido
no corazón que arde
cando dominados polo pavor
e o abatemento, saltamos ó baleiro
para vivir ou morrer
na incerteza da traxedia



______________________________________28



A noite trae as visións perdidas
nos camiños do tempo






Ollos tras o silencio dos cristais
crebándose cos laios doentes dos anxiños
fuxidos nos anacos infinitos dos espellos



Paredes de ferruxe escritas con caleón
denunciando a infamia da vida
e ascendendo a chama da soidade
nos petroglifos da alma



As serpes vixían na escuridade tétrica
coa ollada a alumear impaciencia
pola vítima propicia
pola presa que mate a fame



Fíos para suxeitar a existencia
ou mans remexendo na incerteza
as arpas do destino



Ollos que transportan o noso pensar
como unha crucifixión onde ha fluír o sangue
da desesperanza e a traxedia,
onde han voar os anxos coa dor
resgando con coitelos os ceos do serán



O vermello agarda por nós na traxedia
coma sangue derramándose
nas mans infinitas dos mártires
que ha levar a xornada



______________________________________29



O solpor repite o suicidio do día
a través do berro das gaivotas
nun mar que perece abocado pola noite



Péchanse as fiestras coa sombría visión
dos naufraxios,
e pinto nos teitos os soños para acadarte
neses ocres esvaecidos polo tempo
e vou morrer na traxedia dramática
de querer abrir as portas pechadas do pasado
ollando a través dos cristais estragados do tempo,
encravados na alma



______________________________________30

a A.
O pasado ficou recluído
nas portas infinitas do presente






Cando regreses
atoparás a casa baleira
e un vento que che ha falar
de voos e despedidas,
atoparás unha ollada
rendida ás sombras dun tempo
que remata



Eu agárdote sempre
coa esperanza posta nos camiños
e os ollos nos ceos
contando as estrelas e os días,
e a alma vagando pola soidade
e o desacougo das noites
de insomnio



Agardo a Deus na túa mirada
que volve crear novamente a luz
e a vida,
neste lodo morto,
na ausencia,
cando retornes
xa non ficará senón os vestixios
no altar que habernos deixar
no cume dos nosos soños imposibles



______________________________________31



Coas iniciais borradas,
e o ceo coroado cos voos de andoriñas
e de vencellos,
as ruínas e as cinsas
dunha paixón infinita,
dun amor que deixou a Terra
para ser unha estrela máis
no firmamento



______________________________________32



Levo nos beizos
a pel nocturna do teu corpo






Chámote no silencio dos desertos e das pedras,
agochado na ilusión e na esperanza
coa ansiedade e a paixón pola vida



Chámote co corazón na man
para mostrarte o sangue e a pintura
coa que bosquexo nos muros
os rostros de soidade das noites abstractas



Berro nas rúas ás fiestras
dos ollos amarelos,
coas ansias esfareladas
en devezos imposibles,
aos pardais que dormen baixo as tellas
agardando a madrugada,
a ti que permaneces nese corpo
arrastrado no desterro dos bares



E cambias as carochas dúas ou tres veces
para representares historias de frustracións e miserias



E fácil chorar cando os cadaleitos
avanzan connosco sobor das costas
e topamos nos espellos angustias
e desesperanzas



______________________________________33



Hei chorar ás tristuras e aos naufraxios
no mar ausente das bágoas,
partiran da miña alma cancións
que remexen o berce dos anxiños fuxidos



Chámote dende a desilusión,
nas ventás da agonía
que me ata a ti
coma un fío que regresa,
aos recordos que fican apenas
a piques de crebarse



Chamo aos paxaros do amor
presos e perdidos na gaiola,
as bolboretas cravadas con alfinetes
dos meigallos nas paredes do ceo



Berro coma un neno no pesadelo da noite,
nos voos dun paxaro morto
no solpor do sangue,
na ollada que mostra as tubaxes
de condución da tenrura,
a loita da vida, nacendo e caendo
nos vieiros das traxedias da Humanidade,
no pranto ás portas da soidade
que arrampla o tempo nas olladas cegas
do porvir, pechadas na incerteza dos pasos
e no corpo vencellado xa
cara a morte



______________________________________34

As palabras fermosas,
voaron nos beizos
da mocidade



Pérdese o camiño na escuridade
das sombras humanas, nos labirintos
que veñen e van polas encrucilladas da noitebra



O ceo é aínda ouro e prata
derreténdose sobor das gaivotas
que voan cara as illas,
cruces negras circulando pola lentitude da tarde



Nas árbores dos xardíns
xogan ás agachadas os pardais
berrando coma nenos felices no recreo



Os ollos das fiestras interiorizan
as visións de ledicia
gardando no máis sombrío a dor e as miserias
que habitan as ánimas



Na estrada os coches son luces de desesperados
fuxindo coa presa cara ningures,
cara a Nada, coa tolemia de acadar sen máis
o Futuro



Nos fíos da noite colgan as estrelas
e semellan vagalumes pendurados do aire
que vai bicando o vento
co seu tremer agarimoso



______________________________________35



As nubes de sangue voan cara o sur
como coágulos vermellos nas veas do ceo,
no seu eterno devalar



No baleiro das sendas
suicídanse as sombras
e dormen os paxaros nas negras fragas
tinxíndose de amarelo no apagamento da 1uz
que se extingue devorada pola noite,
e van espertando os anxos
que coroan os voos e os soños da noite






______________________________________36



Nas illas arredadas fican os soños,
onde non alcanzan os devezos
nin as mans, nin as inútiles ás que posuímos
para conseguir a túa mirada
perdida xa



Nesta noite na que xa non hai sendas
para sentir a ollada azul
do hálito e a resurrección,
nin tampouco os ronseis
no espazo hermético da noite,
aquel que describe a melancolía
e a infelicidade toda
de tantas ausencias no Tempo



Pecho a porta e me abandono á alma



______________________________________37



Lembranzas que son follas voando
dun vello calendario
nun balorento muro de cal,
mans e olladas que ateigaron de ledicia
e misterio os tempos amados,
mans que percorreron o meu corpo
deixando pegadas inesquecibles,
ollos que trouxeron a visión da primavera
a este corpo de inverno,
a esta noite que se extingue
e que incendia os solpores da esperanza



Todo pereceu nas olladas
e nas ventás da alma



______________________________________38



Hai intres que coma coitelos
permanecen encravados na alma,
pegadas sen sentido nas cinsas
que leva o vento aos portos baleiros
sen rumbo nin futuro



Talvez son ollos de tristeza
que nas fiestras do tempo renegan dos adeus
e dos amores perdidos
______________________________________39



Para ti
meu amor imposible
porta pechada ao paraíso
pomba que deixa ronseis infinitos



Hei morrer na fatal atracción do desánimo
na procura das paisaxes fermosas
do corpo teu



Hei recollerme coas ventás pechadas
para perderme na miña propia presenza
e vivir na túa ollada



______________________________________40



Venme á memoria a túa faciana
aqueles instantes precisos de paixón
cando os ollos amosaban a alma espida
nesa plenitude do mundo



Eu ficaba cos desexos calmados
perdido nos camiños infinitos do amor



______________________________________41



Na nostalxia dos carballos
e dos castiñeiros nosos
ausentes na ollada,
síntome estranxeiro
na desolada desfeita dos eucaliptos
invasores



______________________________________42



Tráeme os ollos para espertar a esperanza



Teño sede de ti
fonte do amor seca xa
no inútil espazo dos desertos,
teño ansias de volver cara atrás
mais as portas do pasado
fican pechadas para sempre,
e só contemplo a noite cara adiante
traendo nos ollos as lembranzas
que iluminan a soidade



Arde o corazón pensando en ti
arde a vida neste silencio pechado
nos beizos que quixeron dicir tanto
e non deixaron nada,
calaran coa morte dos incendios
afogados no fume
e nas labaradas do pasado



Arderán todas as palabras fermosas
no trepio do olvido
cinsas na estancia que mira
como foxe o amor polas fiestras do ceo
e as sombras morrendo no soliloquio
do serán,
agardando milagres imposibles
a través de avenidas adormecidas
que bican o mar e apertan
as tebras que agonizan cravadas na cruz
da longa noite



______________________________________43



Miña nai tiña bágoas
de inxustiza nos ollos
e os mares caíanlle na alma
co pranto
onde meu pai morría
pouco a pouco,
loitando para mantenta de outros



______________________________________44



Ven a memoria
abrindo as portas
da primavera






Arde a tarde nun ceo de amor
Beiras agochadas na sombra da noite
traen as paisaxes dos meus soños
a presenza da paixón e da esperanza
dos ollos azuis
do meu anxo perdido


Morre a tarde nun ceo de amor
peneirado de certezas



______________________________________45



Nas portas ausentes
percorro os rueiros da alma
coma un desexo para que retornen
as pegadas que morreron co esquecemento



Voan aínda as andoriñas
no cumio do amor
e as olladas pérdense nas noites fuxidías
que levaron consigo as palabras
e os silencios



Anxos que poboan as noites dos paraísos
son hoxe amarelos reflexos
de sombras solitarias,
nos lugares perdidos e amados
______________________________________46



Dorme meu amor
na miña ánima,
soña cos tempos fuxidíos
e cos ceos ateigados de adeus



Dóenme nos ollos as bágoas
da túa despedida,
ven onda min a traerme os pasos teus
nesta praia que me invade
e esmaga a miña pel de area cos pés
de anxo desexado



Déixame cancións e lembranzas
nos ouvidos do vento
para que mas cante na longura do inverno,
déixame bicos para sentir os beizos
murmurando primaveras
nos tempos de neve e desacougo



______________________________________47



Baixo o arco da vella
ven a primavera florida






Amor
nesta tarde de marzo
chuvisca un orballo de bágoas,
na gris paisaxe onde os anxos dormen
hoxe as miñas praias fican desertas
de presenzas e pegadas borradas
nas desfeitas das ondas



Por que o meu corpo precisa do teu?



Por que a miña alma desexa a túa?



Ficamos prisioneiros do destino
vagabundos á procura do imposible
nas derradeiras tardes do inverno,
e imos ficando espidos no frío
que invade as estancias interiores
dos sentimentos nosos,
e bicarmos os beixos perdidos
nos tempos ausentes xa de amor
e de aloumiños



______________________________________48

Nas túas lembranzas vivo e morro,
nas perfumadas mans
que percorreron o meu corpo
e deixaron o sopro da resurrección
neses ollos onde acado a xuventude,
abrente para espertar á vida
nos labios sen adeus,
fonte ansiada de amor
nesta sequidade infinita



______________________________________49



Campos de amor sementados de magoas
froitos de amor alimentando as noites
de invernía e abstinencia
mamando nos peitos das lembranzas
o leite da alma
para asasinar a tristeza



______________________________________50



Veñen os ríos da noite a afogar a alma
nas augas de orballo caendo dos ollos do ceo
na bendición que abre as portas esquecidas
para entrar na mirada azul dos paraísos
abrindo o teu corpo e a túa alma
nos silencios dos abrentes acontecidos



Mentres morro arrastrando o espírito
na procura das paisaxes da certeza
e te atopo sentada na dor
das feridas sangrantes
na porta aberta
no corazón de interior escuro
asolagado de soidades
que foron perdéndose nun ceo infinito
apertando os límites
dos círculos das traxedias



As caídas dalgún anxo ferido
polo coitelo da indiferenza
e da monotonía
nas beiras dos mares da nada,
da noite que pesa como a prata lunar
a derramarse na paisaxe,
nas sombras negras das furnas
malferidas nos arrecifes da vida



Portas da terra e dos infernos
para fuxiren as estrelas
coa solemne música do mar
e do vento
onde berran os órganos de Bach
bramando pola infinita traxedia
dos afogados
______________________________________51



A vida ven no colo da morte






Ven o outono abrindo as portas
do inverno
Cedo espállase a neboeira de chumbo no ceo
e vai ficar no xardín
coa moribunda transformación
da vida e da morte
da exuberancia do verán
secando o lento sangue vermello
amarelo gris teixo
disposto para a resurrección



Caen as pingas de orballo
no chan queimado de setembro
e o paporroibo asubía a súa melancolía
agochado na frondosidade
espertando pola claridade matinal



Os silencios grises dos paxaros na maña
van emigrando a outras terras,
con berros de despedida e nostalxia
só as paisaxes douradas acenden fogueiras na alma
e lembran as tristuras dun adeus
que foxe por camiños extraviados
nos fumes brancos das queimadas eiras
dos solpores do pasado



______________________________________52



Retorna o arrecendo a terra froita
herbas acendidas,
cheira a morte e resurrección de longas noites
comendo aos poucos anacos de día



Van voando os corvos e os estorniños
coas tristes tardes de outubro
coma cruces de loito
esvarando na claridade do ceo,
van deixando reflexos nas facianas
e nas olladas de adeus e esperanza,
han caer as bandeiras vencidas
polos ventos do sur
e han alfombrar de morte e vida
os chans durmidos
que aletargan a súa nudez
coa nostalxia da primavera,
tempo de viño para as almas perennes
na memoria dourada polo sol
do ardente lume do adeus



Pinga o orballo nas noites tristes
acendidas polas claridades lunares
rueiros de prata onde asexan
os ollos infindos das estrelas



______________________________________53



Vés na mañá luminosa do abrente
abro a porta de par en par
para que entre o corpo
os ollos a alma o sol
que desfigure o inverno da miña estancia
que camiña nos pasos da ausencia,
petarán no corazón pouco a pouco
para que esperte
e así contemplar o milagre
sentir o prodixio da resurrección



______________________________________54



Abro as portas cada día
do tempo morto
para seguir vivindo e soñando






Vés coma un bico de brisa persistente
que aloumiña constante o rostro da alma
lévote no peito coma un paxaro encadeado
que morre na procura de portas e ceos imposibles



E volven os ollos como volven as beiras soñadas
nas noites que levo esa ollada
machucando o pensamento
para penetrar e espallar as vivencias amadas
de tempos fuxidos



Abro tantos acenos no interior da certeza
caio sobre da terra vencido na batalla inconclusa
de acadar esa estrela brillante no teu pelo nocturno
e palpitar a escuridade que levo de vagar
no silencio eterno da noite



Esa foto na ollada abríndose coma un milagre
detido na pedra,
no templo do paraíso,
coma ás caendo no baleiro paso a paso
voando a través do vento
ao esquecemento



______________________________________55



Na escorregadiza
o loureiro morre de sede
na seca do verán
caen e voan as follas ligadas ó vento
e fenecen no sacrificio do fogo
no país das chuvias



Morre o loureiro
agardando o milagre da auga
mentres percibe a suavidade do orballo de outubro
nas laxes grises da noite



______________________________________56




Na noite
o corpo atraca no porto dos desexos
e das lembranzas









No bar escuro e triste
o fume azul penetra nas entrañas
e na tristeza dos rostros de mirada ausente
noutros mundos
ou quizais cara as luces difusas da rúa mollada
pola chuvia
mais falta no interior a túa ollada fermosa
a atracción necesaria dos meus ollos nus
coa esperanza nestas tebras
de angustias e desacougos



Fóra vai frío
e chove un orballo de bágoas,
despedindo setembro no almanaque
e vai deixando coma ti un adeus
de pegadas dun pasamento
talvez desacougo nos vindeiros ceos tristes
do outono



Pero ha volver o milagre da resurrección
cando acade os ollos teus cheos de prodixios
que coma un sol brillan no inverno
da miña alma perdida
atopada na túa noite fría e baleira
de xaneiro



______________________________________58



a M
A noite arrastrase coma unba serpe escura
devorando as claridades do solpor






O ceo cae sobre das oracións
e os lamentos de dor nas camas brancas
onde as almas se deitan e se pechan
no terrible abandono do mundo
esperar as ghamelas nas beiras dos mares
de Deus



As miñas mans manchadas de dor
apertan o corpo ausentado
que foxe na doente despedida
cara as portas da noite
a esperanza é un paxaro fuxido
da fiestra tinguida da sangue do día
que devala no sufrimento vermello da tarde



O silencio trae os ríos que se arredaron
nos tempos da memoria
e nas súas beiras coma un neno
agardo os soños imposibles
as aparicións e presenzas dos fuxidos



Nas camas brancas da dor morren os nenos
decatándose da visión dos limbos nas paredes
invadidas de humidades verdosas
onde rostros de aparecidos
berran angustias antigas de orfos
e pombas voando nos ocos escuros do caixón da noite



______________________________________59



Na dor fonda da soidade e a melancolía
veñen os anxos a xogar nos xardíns nocturnos
e escintilan as ilusións no espazo
mentres os nenos de ollos pechados
agardan polo milagre na escuridade das camas
e soñan cos petos cheos de luceiros
e vagalumes



Abaixo no labirinto de luces infinitas
as ambulancias berran á súa presa
e Deus pousa a súa mirada triste
nas ventás da noite



______________________________________60



Só fican as cinsas dos tempos da infancia






Abrazado pola paixón dos incendios
ese corpo imposible
morrendo na incerteza e no desacougo
camiño nos fíos da noite sen ti
sen ollar da certeza
nas mans baleiras de estrelas
perdido nas rúas
vagabundo nas noites
á procura dos ollares do amor
nas fiestras pechadas
berrando nas paisaxes interiores
devecendo entrar nas patrias túas
na certeza do ouro derradeiro
dos xardíns antergos
no suicidio infinito da desesperanza
terras para min de ceos ceibes
de xílgaros e merlos
co arco da vella iluminando o abrente
das certezas na ollada



Só eses ollos imposibles no pensamento
como un anxo prisioneiro no teimoso desexo
de voar novamente
polos ceos azuis do teu mirar



______________________________________61



corpo, Deus, ceo, mundo,
todo cara o infinito
as mareas que te traen e te levan
desta beira inalcanzable
barco de amor en mares sen abeiro
na infinda pel verde e azul
dos espazos circulares
onde se cravan os desexos
desangrando as esperanzas



______________________________________62



Tinguido pola esmorecida luz
descendo como un alma perdida
polos camiños da noite
a rúa leva os pasos do infortunio
nas sórdidas e amarelas claridades
onde as bolboretas nocturnas circulan
na atracción das miraxes tráxicas
da luz das lámpadas



De súpeto unha estrela fuxida
racha co ronsel o escuro espazo celeste
e o meu pensamento pide un desexo
de mans descravándose das cruces da incerteza



No curruncho hai unha sombra abandonada
que leva dentro as olladas invisibles da noite
e agarda un milagre nas ventás pechadas



Os vagalumes acendidos na costeira
tremen no mar cos bicos da brisa de terra
hai unha luz tráxica
como os paxaros cegos que levo
nas paisaxes do espírito
só quero acadar o momento sublime da túa ollada
para que iluminen os ocos pechados
da miña esperanza



______________________________________63



Meu pobo triste, durmes... aínda






A rúa é iluminada polo sol
voan os automóbiles veloces
rapidamente
espallando a velocidade
e a impaciencia
polas negras estradas
de chapapote
que baixan coma ríos
polo labirinto que foxe
xa cara o fiolato



Nas beirarrúas os peóns son sombras
inmóbiles coa rixidez do medo
e miran a liña das illas
invadidas na brétema matinal
que pecha as portas por dentro
coa súa noite
e vai perdéndose nos soños perennes
do interior
soños de ventás pechadas
dos camiños fuxidos
que non han voltar máis
e navegan nos mares da memoria
nos ronseis da traxedia



______________________________________64



Fica só
a persistencia do desexo imparable
na ollada cegada polo lume
do abrente
as buguinas no oído
á procura de voces e sons
da marusía



Fican só
os coitelos encravados
no corazón sangrante
ollos vencidos
mostrando batallas perdidas
no tempo dos naufraxios ignotos
o mar da soidade
na deriva dos ventos
da memoria



______________________________________65



As mans do sol verten nas veigas baldes de luz






Chega a tarde paseniño
e acende os tellados
de brillantes vermellóns, ocres, teixos
as chemineas vomitan o gris fume neboento
as luces son anacos de sol
baixando nos fíos ouro que caen do ceo
os anxos xogan nos campos estivais
os ollos de Deus vixían nas frondes escuras
onde os templos oxivais debuxan na tarde
as súas sombras recollidas
na seada infinita



Nas ventás os ollos teñen desexos de voar
como os paxaros ceibes
polos prados do estío
mentres as árbores en flor levan pétalos
aos bicos do vento
na celeste luz do serán
nos espazos abertos onde xogan nenos
e voan anxos nos camiños luminosos
do paraíso
a beber cálices de luz
que descende como fervenzas de orballo
______________________________________66



os paxaros levando a noite e os luares
na súa plumaxe azul
vai caendo a noitebra
e soan campás ao lonxe
Deus chama aos anxos perdidos
na boscosa catedral
da Natureza
a poboar os soños humanos



______________________________________67







Peto de cotío na porta imposible dos milagres



Morre a esperanza e o amor
cravados na dramática cruz desta tarde
co sangue tinguido na salvaxe convulsión
nos ollos das traxedias invisibles
certeza dos pasos cara a nada
as portas dese Deus que se abren
cando el quere
e móstrannos o baleiro do seu reino escuro
na bóveda infinita que nos circunda
coma paxaros na gaiola da desesperanza



Eu quero encontrar o paraíso na Terra
neses ocos que levan a primavera
na túa faciana
e cargados de ledicia acenden a miña vida
coas luces das rúas cando chove
e reflicten un universo no chan
que nos leva aos rueiros do ceo
paraísos deses ollos azuis
con mares e ceos onde traspasa o Tempo
e a existencia
para vivir na soidade
sometido á súa lembranza



______________________________________69



Derrámase o tempo das mans
bagoan os ollos dos nenos que fuxiron
deixando o corpo na terra
choran nas ventás antergas da alma
e abrazadas as nubes que esvararon
cara as beiras das illas
e os beizos meus preguntando
por retornos imposibles



Os ollos da tarde acadan a visión do paraíso
no fermoso tempo das laranxas
cando o solpor pinta de ouro o firmamento
e o tempo madura as froitas e as esperanzas
cando ti volves a percorrer os rueiros ausentes
e xogas no colo do meu corazón
abaneando nos fíos da tenrura
que aínda nos suxeita



______________________________________70



Eu morro cada día que me deixas
na soidade das portas
e petas na dor doutros corpos
para conseguir o milagre
nos ceos infindos na alma
que ficou presa
nas gaiolas e nos labirintos de buxos
na neboeira da Despedida



Seres coa noite no interior
abrindo a nudez das fiestras e dos corpos
para atopar ollos, chamas, tenrura,
paisaxes tal vez
coa certeza das resurreccións
e os milagres que levan as providencias
da tarde



______________________________________71



Naliña fica durmida na tarde
no sofá azul
naceu nos ocos escuros das mans orfas
da noite, do tempo e da memoria
deixou nos ollos meus a súa pegada
e ficou neses ollos que conmoven ó mundo
desbordando tenrura e dozura
anxo de amor sen ás
coa certeza e a fidelidade do amor eterno
na mirada de cariño
para abrir as portas da alma
e contemplar as olladas de Deus



Naliña durme feliz no sofá
perseguindo lúas e estrelas
na noite aventureira dos soños
______________________________________72



Cando quede baleiro o meu camiño
que morre no devalar dos días
cando ti sintas as pegadas imposibles
nos rueiros da alma
berrarán nos ventos o teu nome
as miñas cinsas espalladas
pola terra
nas paisaxes amadas do piñeiro
nos ceos abertos do solpor



______________________________________74

No interior do bosque escóitase


o corazón palpitante do mundo






No bosque amado da nosa infancia
onde quedaron as pegadas
iluminando os xogos e os soños
as visións sangrando pola tráxica desfeita
volta a nós como unha mentira
un pesadelo na dolorosa realidade
da certeza
que mata aos poucos
os fermosos espazos que quedan
na memoria



______________________________________75



a T
Mar amado, perenne sempre na ollada e na memoria





Levoute o mar, amigo da alma
unha tarde de outono
cando pescabas os peixes e os soños da infancia
unha onda apertoute na tolemia do mar
coma o amor cego, xordo e demente
e mergulloute nese bandullo infinito
sometidos á traxedia
pero vives aínda no meu pensamento
e nas miñas lembranzas
coma un sol alumeando
eterno contigo
e traes ás veces a visita dos teus ollos
e o sorriso perenne nesa faciana retratada
no pensamento e na alma curtida polo sol, a chuvia
a salitre e o traballo



Nas beiras dos mares do mundo
no fondo visceral dos argazos
estás perdido co canto da sereas
no labirinto imposible e derradeiro
da morte



Eu na beira do océano
no espello da badía
imaxino o teu rostro
e o sorriso inesquecible
cheo de ilusión e ledicia
e agardo un tempo de travesías nos litorais do mundo
para atopar nunha taberna escura
dunha cidade remota
a resurrección do teu sorriso



______________________________________76



Chove
venta
na ventá
esvaran as bágoas
nas facianas de cristal
o chumbo do ceo
cae nas costas do mundo



As rúas son ríos
escurecendo na tarde
soidades amarelas
que abren portas á presa
para escribir pensamentos
nos ocos das pozas
que resultan anacos de ceo no chan
brillando no escuro camiño da terra
cae a dor do mundo
nesta tarde de outubro
voando sen cruces nos desertos do ceo
sen figuras nos camiños interiores
pechados na dor e na melancolía
das ausencias e lembranzas
dos vieiros fuxidíos no verán
Pecho a fiestra
entro na noite
chove
venta
na alma



______________________________________77



Sagrarios escuros nos ocos que levan
aos desertos da noite
a clausura eterna
sen ollos sen camiños sen presenzas
coas portas tapiadas ao mundo
coa mirada cega aos prantos
sen consolo



As sombras levan cravadas ofrendas de amor
aos sagrarios escuros, polas nas noites
de pétalos de cerdeira e rosas
esquecidas nas mans frías do anxo de mármore
coroado de nardos mortuorios e loureiros
como coitelos de lúa na testa
incerteza das cinsas voando co vento
do esquecemento das soidades
por rueiros dun mundo de corpos fuxidos
e follas cravadas na fronte
coma mártires nos pasos do calvario



Mulleres levando coma cristos as cruces
das lembranzas infinitas
das miraxes sangrando nas horas eternas
das procesións diarias
aos abrazos inalcanzables
dos corpos de cinza



______________________________________78



Na matinal harmonía do espertar





Mentres amence penso en ti
abro as fiestras aos paxaros da nostalxia
que voan cos soños perdidos
neste abrente que esperta as polas durmidas
das árbores,
das avenidas da noite
e abren as portas da esperanza no amencer
sobrevoando corpos sombrizos
coma una cometa ceibe
deixando o ronsel de ledicia
nos currunchos do inverno



Ti trouxeches a ollada dos mares remotos
aos corpos incendiados de noites luminosas
e no meu corazón sementaches esperanzas
coa semente dos teus pasos



Hoxe subo as escaleiras do ceo
para atoparte no luceiro que máis brilla
neste noso serán das ausencias



______________________________________79



                                                                a M.
Morro cando deixas núa a vida e vistes a morte






Morres cada día nas rúas
arrastrándote nas mentiras dos espellismos
e cargas ás costas a soidade infinita
que non colle na túa alma
coas portas pechadas
oprimindo os pasos ao futuro
dos paraísos e das certezas



Levas tristeza cravada nos ollos
e vas cego da man da noite
amouchando as esperanzas e a vida
nas rúas da dor e o insomnio
no colo da madrugada



Choran os anxos perdidos
e os ollos vixían en silencio dende as fiestras
aos vencidos nas batallas da vida
aos suicidas caendo na ansiedade
da invernía de labirintos evitables



Nas rúas da noite camiña Deus
recollendo as almas
e arrombando os corpos esquecidos
na dor e na desesperanza
e peta nas portas inutilmente pechadas
coas mentiras da vida



Nas rúas da noite van os cristos
sufrindo e arrastrando as cruces
cara ao calvario onde morren de soidade
coa ollada nas ventás das falsidades asasinas
incrustando os cravos nas entrañas



______________________________________81



Cando veñen as ameixeiras en flor
e amosan os pétalos inmaculados
nos beixos vermellos da tenrura
que bica a brisa das mañás de marzo
asolagadas de orballo escintílante
morno de sol esvarando nos espazos nebulosos
onde nacen os cantos sagrados da tenrura
e da inocencia dos anxiños
cando veñen os teus ollos
reflectindo o azul tremer da vida
e o Deus que nos Habita
esperta os milagres durmidos
nos mundos da lembranza



Volven os vieiros dos misterios presentidos
a iluminar as sombrías esperanzas
e a coroar de ouro coas mans de Deus
os eidos da alma



______________________________________82



Nas portas das lembranzas
fican os desexos petando eternamente



Acado as lembranzas nos teus ollos
que espallan as cores infinitas do mundo
coas bandeiras de esperanza a ondear no vento
cal aperta que nos bica decotío



Han abrir as portas perpetuas da memoria
os abrentes precisos da túa presenza
o corpo ansiado nas cinsas
que imos derramando en pasos incertos
nas derrotas da vida



Ti ficas en min
coma unha certeza necesaria,
imprescindible para a vida,
coma a materia que habita
os espazos interiores
vertes ilusións e esperanzas
cando o paxaro da soidade
canta nas polas da tristura
a canción da dor e do abandono



______________________________________83



Aínda persisten na ollada
os prodixios perdidos co tempo



Deixo as tristezas esquecéndose nas portas
e procuro os corpos sagrados das resurreccións
e dos milagres
as almas que me mostran
os camiños da certeza



Entro na tenrura dos teus ollos
iluminando os ceos nos corpos
levando as súas bandeiras do amor
ondeando nos ventos da alma
onde agardas as ás para voar
sucando as olladas de Deus
sen presentimentos nin derrotas
abrazando as pombas brancas
que voan nos espazos interiores
onde o mundo se abre á verdade das paixóns
que veñen cada día a asolagarnos
no soño dos anceios e dos abrentes
nos ollos asombrados da inocencia
que poboan aos neniños



______________________________________84

Sangran as feridas aínda
Lembrando os tempos amargos
da inxustiza e a infamia






Ficas aínda aquí, nai,
na ollada das nosas paisaxes
no pensamento, na alma, na casa, nos silencios
na horta onde sementaches ilusión e esperanzas
no tempo das fames e das inxustizas
Na beira do mar
bicándonos con tenrura e sorrisos
cando agardábamos os peixes para a mantenta
que traía o noso pai



No silencio da sala
remendando as nosas pobres miserias
acendendo os lumes para quentar o corpo e a alma
as bágoas e as penas de tanta incerteza
a dor do pan reseso e negro que nos tocou vivir
con tantos medos e infamias
Ficas aquí aínda, nai,
apertando a miña alma inocente
no teu colo amado e infinito
coma un meniño atopando consolo e acubillo
nos peitos das túas lembranzas



______________________________________85



Na clausura das tardes
abro a ventás da noite
para sementar estrelas
nos campos do futuro






Nas longas alamedas da tarde
sobrevoan os pensamentos ao vento
sen retorno
e os recordos fican noutras beiras
apertando amores alumados o
u ollos albiscados nas ventás da noite
remolcando ronseis
coma un presentimento



Nas longas alamedas da tarde
sobrevoan dedos sinalando os milagres
nos espazos dourados da luz
onde se tinguen as gaivotas
nas gaiolas do ocre ouro luminoso
e acadamos as portas
para fuxirmos un intre
aos remotos silencios da nosa noite
para atopar o paxaro ferido
voando na ansiedade
dos camiños sen fin



______________________________________86



Caen as pingas na roseira da noite
e veñen os ollos de acadar as estrelas
que colgan das túas pupilas
a esvarar atendidas de ouro,
as follas do limoeiro arden
tinxidas de espellos de fogo
a queimar na nosa paixón
e calmar as ansias



Dormen os paxaros nas negras maceiras
na espesura que reflicte a dor do día
que marchou
a paisaxe fica debuxada
cun bosquexo de liñas luminosas
que tremen co nordés
como longos vagalumes



Morren os anxos vencidos polo sono
intérnanse no templo seu
de soños logrados cada noite
nas portas sempre abertas
do Paraíso



______________________________________87


No mar da noite
embarcamos no barco dos soños
onde habernos navegar no océano
dos tempos esquecidos e ansiados
e habernos naufragar sempre
para espertar nas beiras salvadoras
das praias da mañá



______________________________________88



A alma fica sentada nas ventás
co adeus das horas camiñando amodiño
nas paisaxes e os sendeiros tapiados
aos pasos fuxidíos dun devezo



No ceo luminoso voan os desexos alados
coas esperanzas que caen
ligadas aos mares do adeus
a alma languidece na soidade das ventás
prisioneiras no enorme fanal
que pecha eternamente a vida



______________________________________89



Vivimos presos nos desexos baleiros



A dor das patadas na testa
nos ollos
na boca
no pensamento
no cerebro
voan cortando os fíos
que nos atan ao ceo
vencidos polo baleiro dos camiños
sen saída
as portas pechadas da inocencia
os ollos co pano erguido
da cegueira consentida
e ignorando os pasos a dar
para acadar os prodixios decotío
enganados polos que enghadan
radiando as faroladas innecesarias
e fanáticas



O Deus verdadeiro fica morto!!
Está abandonado no lixo!!
Vivan todos os deuses fortuítos
de usar e tirar!!



______________________________________90



Aqueles que chupan coma samesugas
o néctar divino que alimenta
a nosa sensibilidade e tenrura
os vestixios que quedan na alma
dos camiños de entrada ao mundo
que arromban en nós o pranto
coa escuridade do purgatorio
e nas costas nos carga a cruz
sen sentido
coma autómatas cebados
polos espellismos das incertezas
a crebárense nos cristais das trolas



Somos grotescos triunfadores
da comedia allea
e saímos coa patada no cu ó escenario
felices de vivir outras vidas
e morrer pola trapallada



______________________________________91




Os froitos do odio medran nos campos da inxustiza






Nos campos estériles de morte e destrución
Cristo morre cada día
e voa a lúa minguante ferida
sobor a cadea das olladas de tristura
dos nenos sen infancia e sen futuro
cos berros de impotencia nas gorxas
e mágoas de incerteza no peito das mulleres
terra sagrada de Gaza regadas de sangue e bágoas
polos mártires que sementan a dor e a traxedia humana
nos oídos xordos
nas bocas pechadas á indiferenza
ante tanta infamia e tanta tolemia



Campos de Deus sen Deus
sen xustiza
nin paz
nin alegría
nin futuro
o pan cotiá de pedra morte e sangue
cae das mans dos muros da vergoña
dos inimigos de Deus
e dos inimigos da paz



Así van morrendo as esperanzas
dos ceos sangrantes de inxustiza
na cadea de Gaza



______________________________________93



Marcharon coas olladas de onte
os tempos das farturas
as cancións fermosas
os beizos amados
os versos nas palabras
levando a poesía na paisaxe
de abrentes alumados en fogueiras
de ledicias que esvaecen nas neboeiras da alma
que rexeitan os atrancos cara adiante
as primaveras chegan todos os días
nos ollos profundos dese anxo
que se aproxima coa plenitude no colo
cara ti
co espírito iluminado de paixón e certezas
abrindo as portas
dos eslumecidos e derradeiros paraísos
para caer e vivir nas mans de Deus
no solpor diario das traxedias



______________________________________94



A música da noite que voa ven a espertarnos
batendo no espírito






Asubía a súa dozura e melancolía o paporroibo
no xardín de outono
alfombrado de ouro amarelo e lume
perecendo coa humidade do orballo



Na escuridade da ameixeira o merlo azul
lanza ó aire a súa melodiosa harmonía
coma un frautista entoando a conmovedora música
da natureza
da memoria
dos milagres
das nostalxias
que cargamos nas vivencias da infancia
e da inocencia
______________________________________95



Voa a dramática soidade polos teitos
abaixo a noite péchase no corpo
e abre as portas da salvación e do naufraxio
para volver a vivir as realidades perdidas
que nos roubou o tempo



______________________________________96



E eu perdido nos baldíos do aire
nos ollos infinitos das fiestras do ceo
nos silencios das bocas da noite
nas canellas invadidas de tardes moribundas
coas ás ensanguentadas de sol
caendo derrotado na batalla do día
morrendo na espera das primaveras
abrindo as portas das miñas noites presentida



______________________________________97



O silencio ven a abrazarnos coas lembranzas caídas
nos vieiros lonxincuos diante das paisaxes da memoria
onde sementamos decotío as pegadas e a vida
onde soterramos as cinzas baixo a cruz da nada
Nos sagrarios escuros da tristura
coas flores mouchas e as bágoas revertendo

nos ollos do amor



______________________________________98



Baixo á rúa
ao bar escuro
onde as facianas se agochan co fume negro
levo desexos de mirar outros ollos
caer na tentación de asasinar á monotonía
beber xenebra e tónica para afogar nas mentiras eslumecidas
e pintar un mundo diferente no espírito
acender un cigarro máis
e sentir a vida queimarse paseniño
nas miñas mans baleiras



_____________________________________100



Penetro na túa vida
rabuñando as paredes ferruxentas
cos baleiros a caeren nas portas das olladas
bebo o sangue que pinga degolando a tristeza do corazón
que se achega para matarme cada día
pérdome nas túas entrañas
sen comprender nada
nin atopar rueiros que me guíen ás cidades
da túa alma salvadora



_____________________________________101



Tráeme a luz dos teus ollos a esta noite...






Móstrame o ceo dos teus ollos azuis
co seu mar, polo que navegan
os barcos da esperanza
cargados de soños e milagres



Ensíname as illas que posúen os teus mares
o infinito horizonte onde voan os adeus fundidos
na noitebra e nas estrelas



Nesta noite de soidade volvo aos teus ollos
ás paisaxes soñadas onde camiñamos felices á procura dun paraíso
coas portas abertas aos rueiros imposibles do ceo



Nesta noite de silencio e abandono escoito as cancións dos teus beizos
a ledicia infinita das mornas noites do verán
cando regresamos ao barco durmido a carón do peirao
no cais tinxido de amarelo



Bébedos de Felicidade
acadabamos a froita prohibida dos xardíns do paraíso
que descendía ás nosas mans



Agora, o arxentado reflexo da lúa coróame de lembranza e melancolía
e nas ruínas dos camiños
fica mudo o paxaro da soidade



Na ansiedade dos ollos perdidos
nos labirintos baldíos da noite
nos mares que se extinguen na memoria
péchanse as portas á esperanza
coa mirada fixa nas pegadas derradeiras
dos camiños do pensamento



_____________________________________102

Agardo as noites para poboar
os espazos ansiados dos teus soños



Aqueles tempos nunca esquecidos
nesa beira anelante
escoitando a fermosa música dos teus beizos ansiados
portando nas nosas cabezas
grilandas de estrelas primaverais
bébedos de pracer
saboreando os viños traídos do paraíso



Aqueles tempos enchen agora as soidades nocturnas
os silencios e o esquecemento dos invernos
dende este cristal que me separa da noite i
invadida de presaxio e dúbidas
de pegadas indelebles nos camiños interiores dos pasos derradeiros
neste outono tinguido de adeus
polos mares ardendo
nos infinitos solpores
_____________________________________103



A esperanza esvaécese no silencio escuro do cuarto
onde a caligrafía dos sentimentos escribe desexos nas paredes
e me mostra a asombrosa nudez da vida
ven sempre o teu rostro á memoria
cando abro as portas e as fiestras
e poño os ollos nos labirintos desertos da noite
para atopar só o baleiro da ausencia
percibir fóra as sombras en movemento
nun mundo sen sentido
onde todo leva a nada
e a nada é todo
e imos percibindo que somos monicreques suxeitados por mans ignotas
agardando os ollos perdidos noutros abrentes



_____________________________________104



A luz descende mainamente
con abrazos diáfanos nun ceo sen aves
sons de campás tremendo atormentadas na lonxanía
badaladas de oración na brisa da noite
entrecortada polos beizos do vento iluminando aos pobos do norte
polos ollos da claridade que se incendian no ouro luxurioso da despedida



As ventás ocultan as olladas e os misterios
os anxos caen sobre as superficies escuras coas súas ás ardendo
a tarde morre no peirao nun suicidio eterno
coa tinxida sangue do adeus
as sombras escapan ás alamedas afastadas
aos labirintos amarelos
e os ceos levan desexos dolorosos
prantos e desesperanzas
que han navegar na noite sen estrelas
e han bater nas portas dos milagres
pechadas e mudas na eternidade do tempo
_____________________________________105







Mar infinito de bágoas de orballo
mar de vida e mantenta
destino incerto do noso navegar
cara as illas derradeiras de paraísos
xa perdidos
baixo os ollos dun ceo chorando
mar deserto espello de cruces voadoras revertendo traxedias
nas transicións de abrentes e solpores



Mar,
terrible cemiterio de corpos sen resurreccións
de vías fechadas a milagres imposibles
de coroas mouchas a aboiar ansiosas
de terras e alciprestes
paxaros do esquecemento
voando perdidos nun ceo de chumbo
cara portos baleiros
en abismais noites de infortunio
e derrota



_____________________________________107



Soñamos para non deixar nunca de vivir
para cargar de ilusións o espírito
abrir camiños
portas pechadas
Soños
que acheguen aos nosos ollos e á nosa alma
baixándonos da cruz de cada día
a nostalxia ansiada
que nos ha invadir como un baño de salvación



_____________________________________108



As tebras da noite pechan os camiños do exterior
e abren na nosa acordanza outros infinitos
cheos de luz e de lembranzas



Anacos de espello na memoria
asubían os ventos nas estacións fuxidas
espertan os ollos nas ventás
voan das nosas mans
as ansias as pombas acadan outras beiras



O tempo ardendo nas paisaxes da memoria
borra os camiños percorridos
e pecha as portas á ollada das ruínas
e das cinsas



_____________________________________109



Todo o que vive na memoria fica morto



Na memoria asolagada de esperanza
procúrote
coma un neno perdido
no esquecemento dos días
nas tardes eternas do marzal
nas que foxen as ansias imposibles
coma ríos invisibles
nos labirintos humanos da memoria



Nas inmortais atardecidas sen ti
percorro e procuro
as pegadas nos camiños fuxidos deses ollos
xa de inverno
primaveras que non volverán



_____________________________________110



Amor
abro a mina alma
para que entre a luz
para sentir as pegadas do ansiado corpo
perdido nos camiños da nostalxia
onde o silencio retrata o cálido rostro da ausencia
nos espazos grisallos da tarde
onde os desexos voan como paxaros sen destino
sobre labirintos incertos
nese carreiro infinito que é a noite
na procura do calvario e a resurrección



Ao ceo ensanguentado
que esperta a esperanza e as cinsas
aos paxaros do amor mudos de canto
inzan o xardín esmorecente
e invaden
alma
ollada
e solpor



_____________________________________111

Nos teus ollos acado as ilusións que fuxiron
cando o outono derradeiro
ficaba nun adeus de lume e ouro
cando o inverno chega sen chamar
cos fríos e as desesperanzas
e atopo no meu peito
paisaxes que retornan ás primaveras pasadas
de pombas voando
nun ceo de árbores en flor



Ilusións de neno perdido
que atopa as ás
e os camiños que esqueceu un día
para volver ao paraíso
que descobre o milagre
da resurrección



_____________________________________112



Fundidos no tempo do outono
co aroma esmorecente das mazás
das uvas que penduran entre as follas
tinguidas de fogo e sangue
descubro os camiños derradeiros
que me levan á tarde do adeus
onde medran antergos cúmulos Inmensos
que brotan treboentos nos cumes da costeira purpúrea
revertendo fulgores nas augas da Foz
iluminadas co solpor dourado da despedida



_____________________________________113



Anxos vixiando polas fiestras do tempo
cabalos de cartón da memoria
galopando para fuxir aos paraísos soñados



Nenos xogando cos ollos cheos de ceos e esperanzas
en primaveras e estíos
descendendo polo arco da vella
de máxicas cores
paxaros voando
viaxeiros ceibes dos solpores da alma



Anxos coas ás do mundo nas súas costas
cos camiños e as portas abertas
na frondosidade de escuros días
érguense con olladas de luz e sorrisos
mentres a vida
comezo e futuro
con regalos e milagres constantes
para emprender os camiños futuros sementados de Ilusión



_____________________________________114



Abro as portas para que entren as ausencias e a luz
nesta noite sementada da de silencios e abandonos
ríos de estrelas asolagan o ceo
que palpa a terra coas mans trementes do vento



Nas veigas calan os mudos bicos
dourados de paxaros recluídos
en escuras frondosidades
a agardar o clarexar do día impacientes



Onde fican os ollos perdidos nos ríos do tempo?
cravados nas xanelas que voaron
coas transcorridas horas infinitas
e foron levar tantos prodixios e certezas
agochando as ilusións agonizantes
nas cadeas da soidade
e ceibes no pensamento moldearon a desolación
dos soños inalcanzables



Cando a noite volve penetrar polas portas
a espallar as lembranzas e pesadelos
nos campos do corpo enraizado
e as mans estraga os filamentos
que nos ligan ao ceo
e esculpen coa dor estrelas de esperanza
Cando esperten as brancas facianas
co canto das sonoras mañás
co arrecendo e o sorriso dos cristais
a crebárense cos abrentes
e tentan acadar os ansiados desexos do futuro
nas pombas que poboan os espazos do día
que van nacendo nos ollos
e van perdéndose nos mares vermellos
dos tellados infinitos



_____________________________________115



Cae a tarde no mar, amor
a luz esvaecida descende ao sacrificio
reclúese nos ollos a paisaxe sutil
e acenden na memoria os vieiros da noite
onde ti resistes coma única certeza
nos meus rueiros de acougo



_____________________________________116


Nos ollos tes o mar
vertendo nas mans a auga e o sal



Nos ollos tes o futuro
e a esperanza



Nese navío ceibe que navega nos mares dos soños
con ronseis de ilusións e certezas



Na ollada, meniño mariñeiro,
tes o rumbo sempre disposto
aos rueiros mariños
do porvir



_____________________________________117



Crucificados polo amor
imos derramando polos cravos
da nosa soidade,
o sangue
que nos inserta a cruz da pena



_____________________________________118



Veñen as portas derradeiras
coas nostalxia das portas pechadas
coas visións perdidas das pegadas
do tempo fuxidío



_____________________________________119



Onde foron eses campos de millo e centeo da miña infancia baixo
o sol do estío?
Selvas de abundancia exuberantes que levaron os tempos
_____________________________________120







O sol enche o loureiro de escintilantes reflexos de diamante
Ao mediodía
os pardais cegos petiscan nas follas bébedas de luz
nunha miraxe de loucura orxiástica



_____________________________________122



Os vagalumes, anacos de estrelas fuxidas tremendo de frío
na afastada escuridade mariña da costeira



_____________________________________123



O vento é un bico que move os corrupios



_____________________________________124



Cando entro pola túa porta
péchoa ao mundo
penetro na gloria
e na resurrección



_____________________________________125



Os paxaros escriben co voo no ceo rueiro de poesía



_____________________________________126



Bébedos de luz
os paxaros que levan a noite e os luares nas plumas
voan azuis deixando ronseis de noitebra no ámbito purpúreo
que se espalla na paisaxe






_____________________________________127






1 comentario:

  1. A esta Baiona perdida coa especulativa e salvaxe desfeita. A vila dos tempos amados da miña infancia, onde o bosque frondoso era acotío templo e refuxio dos xogos e os prodixios, os campos do Milhomes sementados de centeo, a ondear co vento coma un mar de exuberancia, onde os nenos eramos os protagonistas de batallas infinitas. A montaña do Gharexo, dende onde deixaba voar a imaxinación e a alma e onde era testemuña da música da natureza e a fermosura da paisaxe.
    O Piñeiro onde pintabamos o ceo de cores cos papaventos que voaban nas tardes azuis. Os camiños e corredoiras empedrados onde percibía a Historia nas profundas pegadas das rodas dos carros. Rueiros e labirintos de aventuras, soños de amor e ilusión. O “Palomar”, coas froitas e mimosas que retornan co seu arrecendo á miña memoria, paraísos perdidos na ollada pero perennes na alma, pois foron o meu catecismo, a miña doutrina, a comuñón e confirmación, bandeiras de felicidade e amor, único territorio e patria da miña vida feliz e ceibe.
    A esa Baiona perdida, pero viva na miña lembranza e memoria, así como ás persoas que habitaron ese universo querido e que o seguen habitando na miña alma. A todo aquelo que queda despois da insensible e incomprensible desfeita.
    Vaia por diante a miña paixón, agarimo e agradecemento

    Caino
    Baiona, abril de 2011

    ResponderEliminar